Domingo 19.08.2012
| Actualizado 11.53
Hemeroteca web
|
RSS
Toda a iconografía xacobea nunha única base de datos. Turismo de Galicia e o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago traballan man a man para construir un completo corpus de imaxes e xerar a ferramenta do Thesaurus de todo aquilo que teña que ver co fenómeno das peregrinacións a Compostela, segundo anunciou onte a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo. A iniciativa permitirá unificar a terminoloxía e facilitar o seu baleirado, así como a indexación e catalogación de imaxes ou outras aplicacións na Rede.
A Base de Datos IAGO, tal e como se bautizou o proxecto, agarda colaborar coas institucións xacobeas de España e Europa, ademais de con centros e seccións de documentación e investigación das principais asociacións xacobeas internacionais.
Carmen Pardo referiuse ó IAGO na presentación das actas do VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos. Peregrino, ruta e meta nas peregrinacións maiores (celebrado en 2010), que tivo lugar onte en Compostela. Na publicación recóllense textos tan interesantes como As tres peregrinacións maiores no Códice Calixtino, de Klaus Herbes; a memoria e semblanza do experto Manuel C. Díaz y Díaz a cargo de Paolo Caucci von Saucken –que asistiu tamén ó acto– ou Evocacións de Xerusalén na arquitectura do Camiño de Santiago: o Santo Sepulcro e a Santa Cruz, de Javier Martínez Aguirre.
Segundo resaltou a secretaria xeral, "a investigación é o futuro, na ciencia, na tecnoloxía, pero tamén no Camiño porque sen investigación no habería unha base sólida sobre a que apoiar o enorme fenómeno de revitalización das peregrinacións a Compostela que estamos vivindo". Carmen Pardo resaltou tamén que "a investigación confire, custodia e defende o Camiño e a súa especificidade ao longo dos seus máis de mil anos de Historia".
A responsable fixo un repaso polo traballo de investigación que se desenvolve dende o seu departamento e máis dende a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que implica que nos últimos anos se desenvolveran proxectos moi ambiciosos como a exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez.
No contexto deste proxecto realizáronse tamén xornadas científicas en París e en Roma, así como unha importante produción audiovisual e reconstrucións en 3D cunha sólida base científica.
Durante os últimos anos o Xacobeo ten patrocinado ducias de congresos e ciclos de temática compostelá en áreas que van dende a xeografía, a física ou a relixión ata a medicina.