Martes 24.04.2012
| Actualizado 20.35
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
HERMANAMENTO O rexidor firmou onte un convenio cultural en Cádiz con Teófila Martínez |
O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asinou onte un convenio de colaboración en materia cultural coa rexedora de Cádiz, Teófila Martínez. Grazas a este acordo, os dous concellos realizarán un programa de actividades común e promoverán a presenza de artistas locais nos respectivos calendarios culturais.
En virtude do convenio, o Concello de Cádiz comprométese a procurar incluír artistas de Santiago na programación de eventos como o Festival Internacional de Titeres, o Festival Iberoamericano de Teatro, o Festival de Música Manuel Falla, a Mostra Cinematográfica do Atlántico Alcances ou o Festival de Danza Contemporánea, ademais de en exposicións ou programas de becas. Tamén promoverá a presenza de Compostela en seminarios, foros e intercambios profesionais na área de arquitectura e do patrimonio.
Pola súa parte, Santiago comprométese a realizar esforzos para promover a presenza de Cádiz nas actividades culturais da cidade, tales como festivais de cine e teatro, exposicións, programa de becas ou coproducións en artes escénicas e musicais.
O alcalde pronunciou tamén unha conferencia na que falou dos lazos que unen Santiago con Cádiz, comezando pola hipótese que fala de que "o Apóstolo desembarcara en Cádiz, posto que naves fenicias chegaban aquí todos os anos na busca de salgaduras e metais".
Non faltou na intervención de Conde Roa un recoñecemento ás Constitución de 1812 e "o agradecemento histórico por ter acollido, en circunstancias tan difíciles, aquelas Cortes que, por certo, tiveron como primeiro presidente a un compostelán, don Benito Ramón Hermida Maldonado", quen fora "só o presidente provisional ou circunstancial na primeira sesión que as Cortes celebraron en San Fernando". Tamén se referiu aos mozos da Universidade de Santiago integrantes do Batallón Literario, "que se formou en Santiago en 1808 e que se enfrontou ás tropas napoleónicas durante dous anos".
Dito isto, o rexedor municipal non obviou o "desencontro" producido entre ambas cidades a propósito das Cortes de Cádiz, xa que "se houbo en España unha cidade que se estremecera ao ter noticia do que se trataba nas Cortes de Cádiz, esa cidade foi Compostela". A razón –explicou– foi que "as resolucións e os novos aires liberais das Cortes de Cádiz estremeceron entón á miña cidade e suporían o final dunha época e o inicio dunha etapa de declive para a que viñera sendo, ata entón, a primeira cidade de Galicia".
En particular, lembrou a medida de adoptar "o copatronazgo nacional de Santa Teresa", tal vez porque os constituíntes de Cádiz "non repararon na importantísima función que a idea ou imaxe do Apóstolo Santiago desempeñou na reconstitución de España tras a invasión musulmá". "Pero cando as estruturas da cidade se estremeceron foi ao saber que as Cortes se propoñían suprimir o Voto de Santiago (dereito de cobro a favor da Igrexa)", engadiu, lembrando a repercusión económica desta medida na cidade.
O alcalde quixo falar da cidade de hoxe, 200 anos despois, tomando como referencia a superada división administrativa que establecera a Constitución de Cádiz. "O Concello de Santiago tivo a oportunidade de dar os primeiros pasos orientados á fusión do mesmo con outros concellos lindeiros", apuntou.