Miércoles 17.10.2012
| Actualizado 01.12
Hemeroteca web
|
RSS
A Cámara de Comercio de Santiago enviou a seis institucións galegas e estatais as súas propostas sobre infraestruturas e servizos ferroviarios en Galicia, tiradas do ciclo de xornadas ferroviarias que celebrou antes do verán. Recibiron estas conclusións e propostas a ministra de Fomento, Ana Pastor; o director general de Ferrocarriles do Ministerio de Fomento, Manuel Niño; o presidente de Renfe e Adif, Julio Gómez-Pomar; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o titular da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla; e o alcalde de Santiago, Ángel Currás.
Este informe recolle unha serie de propostas en materia de infraestruturas ferroviarias prioritarias. O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, indica que a poboación galega e compostelá non pode renunciar ás oportunidades que o transporte ferroviario ofrece como motor da sociedade actual. "A contribución do transporte ferroviario é decisiva no futuro do noso desenvolvemento e progreso ordenado e sostible", explica Asorey.
Agrúpanse proposicións sobre o proxecto de acceso ao aeroporto de Lavacolla, considerado punto de conexión comunitaria de acordo ao Plan de Red Transeuropea de Transporte. O acceso ferroviario directo ao aeroporto sería ideal, pero resulta pouco probable que se desenvolva nun tempo breve; con todo, a Cámara de Comercio propón a redacción dun proxecto de prolongación do trazado actual, á altura da Sionlla, por parte do Ministerio de Fomento.
Por outra parte, a Cámara de Comercio defende a construción dunha estación intermodal de viaxeiros en Santiago, para garantir unha mobilidade de calidade para os usuarios galegos e os visitantes estranxeiros ao centro da cidade.
En relación ao debate do metro lixeiro para Santiago, a Cámara aposta pola súa construción como sinal de modernidade e calidade de vida, facilitando unha "mobilidade rápida, eficiente e económica" que conectaría a estación intermodal de viaxeiros coa Cidade da Cultura, a zona monumental, o Campus universitario, o polígono industrial do Tambre e outros servizos e zonas periféricas.
Unha medida máis, solicitada pola Cámara, é a creación dun Centro loxístico ferroviario de mercadorías en Amio, coa súa prolongación á Sionlla, que significaría unha oportunidade de negocio para moitas empresas da comarca, como a empacadora de residuos sólidos de Sogama, Finsa ou outras firmas importantes.
Noutra liña, a Cámara propón uns servizos ferroviarios a implantar na Comunidade Autónoma. Unha das medidas que se formulan é conectar as cidades da Eurorrexión a través dun tren Atlántico Exprés A Coruña-Oporto.
Outras das propostas sobre servizos ferroviarios xira ao redor do tres de cercanías entre Vilagarcía de Arousa e Santiago. A finalidade é crear un plan de accesibilidade e integración de Padrón, Pontecesures e Catoira, con melloras informativas para os usuarios, máis paradas e horarios cadenciados, construción de aparcadoiros e pasos inferiores entre plataformas.