Jueves 21.03.2013
| Actualizado 04.31
Hemeroteca web
|
RSS
O concelleiro de Centros Socioculturais e Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou o programa Vive o verán 2012, que se desenvolverá durante os meses de verán en centros socioculturais e noutros espazos da cidade. A iniciativa, que comprende un total de 15 actividades, aposta pola conciliación familiar e laboral e por levar tamén a diversión aos centros do rural.
Vive o verán 2012 inclúe este ano diversas accións, algunhas delas xa habituais durante o ano e que continúan nos meses de verán, e outras específicas e novidosas como as Mañás de verán e de xogo. Nelas, nenos e nenas entre 4 e 12 anos poderán gozar dunha programación especial nos centros socioculturais. Ademais, tamén se prepararon actividades noutros espazos públicos co obxecto de que a xente saia á rúa e viva o tempo estival.
As Mañás de verán e xogo apostan pola conciliación familiar e laboral. Serán ata sete accións agrupadas en tres localizacións urbanas (centros socioculturais de Vite, Conxo e As Fontiñas) e catro rurais, agrupadas por locais socioculturais: Marrozos, Eixo e Bornais; Busto, Nemenzo e Marantes; A Gracia, Grixoa e Lamascal; e Figueiras, Laraño e Villestro. As actividades celebraranse do 2 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Os seis primeiros ofrecen ata 30 prazas cada un deles, con dúas modalidades de participación: mes completo (40 euros) ou por semanas (10 euros). O prazo de inscrición estará aberto do 12 ao 25 de xuño. As mañás dos tres centros urbanos terán cada unha un fío temático condutor: Mañás en movemento (Vite), Mañás de natureza e creatividade (Conxo) e Mañás de pequenos artistas (As Fontiñas).
No caso de Figueiras, e organizado pola Asociación Veciñal Nova Xeira coa colaboración do Concello, realizarase un campamento infantil. Está destinado a nenos de entre 5 e 12 anos. O prezo será de 50 ou 60 euros (dependendo do número final de inscritos).